O Pazo de Mos acolle o vindeiro sábado, 26 de febreiro, o segundo acto de promoción e divulgación da imaxe do deus Xano, despois da instalación dunha reprodución no CEIP Pena de Francia.
Xano e outra representación de “Vesta” apareceron cando se realizaban traballos de mellora nun tramo de camiño (Camiño Real) no lugar de A Brea, na Parroquia de Dornelas, na década dos anos 70. En 1997 as dúas esculturas ingresaron no museo de Pontevedra e dende entón permanecen nos almacéns deste museo á espera de seren expostas para coñecemento do público en xeral.
Con todo, as esculturas máis antigas (+/- 2000 anos) do concello levan 14 anos esquecidas, o seu estudo científico foi interrompido e a falta de publicacións ao respecto fan deste achado un gran descoñecido a pesar da súa verdadeira importancia.
Co animo de rescatar ao deus Xano deste esquecemento celébrase este acto que servirá para presentar oficialmente a imaxe do deus Xano (reproducións en formato pequeno) como agasallo institucional do Concello de Mos neste ano 2011.
O escultor mosense Marcos Escudero, intervirá na conferencia para expoñer as razóns que converten a Xano nunha marca de identidade do concello de Mos e tamén repasará as circunstancias do seu descubrimento.
Todo isto será moi breve para dar paso ó noso convidado Carlos Sánchez Montana, arquitecto na especialidade de Proyectos, Historia e Urbanismo pola “Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona” e autor de numerosos artigos sobre a “Presenza do culto romano en Galicia”, que relacionan o ritual de Xano coa tumba do Apóstolo Santiago e coas festas de Ano Novo. Con el descubriremos como perviven os costumes dos antigos romanos na nosa sociedade e na simboloxía de numerosos edificios históricos.
Os romanos celebraban a festa do deus Xano o bifronte (dúas caras) nos primeiros días do ano, xa que era o protector das portas e os comezos. O primeiro mes do ano foi dende entón o mes de jano-janus-januariis, que en galego derivou en xano-xaneiro. Pero hai outras celebracións que aínda persisten como a festividade do nove, a festa dos arquitectos ou o roscón de Reis do día seis.
Neste primeiro día do ano os romanos adoitaban invitar ós amigos e agasallábanse ramos de loureiro ou oliveira que procedían da fraga sagrada de Strenia (deusa da saúde) como augurio de fortuna e felicidade. Estes obsequios de Ano Novo recibiron o nome de strenae, que persiste na nosa lingua no verbo estrear.
Para rematar, farémoslle un merecido recoñecemento ós descubridores da imaxe:
- José Romero Lago. Veciño de Dornelas que atopou as imaxes e as gardou na casa ata que finalmente as doou ó Concello de Mos.
- Fco. Javier Baquero Rotea. O seu labor de investigación sobre a historia de Mos levouno a descubrir a existencia das esculturas e advertir do seu valor histórico.
Mensagem anterior por data: [Archport] CENTRO DE ARQUEOLOGIA DA UNIVERSIDADE DE LISBOA (UNIARQ) PÁGINA WEB | Próxima mensagem por data: [Archport] IGESPAR Newsletter Nº 48 |
Mensagem anterior por assunto: [Archport] Wrokshop Tecnologia e Arqueologia Experimental | Próxima mensagem por assunto: [Archport] X CICM2 |